A rede de escolas que recibe o nome de Sistema
Amara Berri é un conxunto de 19 centros educativos que destaca por apostar
pola innovación dentro do sistema da educación pública.
O que me atrae
deste sistema é o tipo de aprendizaxe que promove, no que a finalidade é que o
alumnado adquira coñecementos a través de experiencias reais. As materias
trabállanse de maneira interrelacionada e o alumnado está agrupado en aulas de
maneira internivelar. Estes dous aspectos parécenme vitais, xa que, por unha
banda o alumnado traballa varias materias do currículo a través de
tarefas prácticas reais, conseguindo así que o alumnado sexa capaz de conectar
contidos e de entender cal é a súa utilidade na vida real; por outra banda,
estáselle ofrecendo ao alumnado unha aprendizaxe individualizada na que se
están a respectar os diferentes ritmos. Cómpre sinalar que neste sistema non se
utilizan libros de texto, e cada estudante elixe a temática na que quere afondar. A/O propia/o estudante busca na biblioteca información que lle poida ser de utlidade, selecciona as ideas principais e deféndeas oralmente ante o resto de alumnado.
As aulas están
organizadas en recunchos, o que facilita o mencionado anteriormente, o ritmo de
aprendizaxe e os propios intereses. Isto, ademais, permítelle ao alumnado
traballar tanto de forma individual como por parellas ou pequenos grupos.
Outro aspecto que
me resulta curioso é o da avaliación, pois os traballos e creacións do alumnado
expóñense ao resto do grupo, e encárganse de realizar os comentarios
pertinentes para a mellora do produto. Mesmo as nenas e os nenos que ven
dificultades noutro alumnado comunícanllelas ao profesorado. Deste xeito o
seguimento é moito máis obxectivo.
Coido que é de
vital importancia que o alumnado aprenda na aula a través de experiencias
reais, pois é a única maneira da que poden ser conscientes de como deben desenvolverse
no exterior do centro educativo. Tamén é unha vantaxe que as materias se
ensinen integradas e non parceladas, desta maneira o alumnado será capaz de
establecer relacións entre diferentes temáticas e a súa aplicación na vida real.
En definitiva, este
sistema ten un amplo beneficio no alumnado, non só este é o centro de atención,
xa que hai unha clara atención personalizada por parte do profesorado, senón
que tamén se está a construír un alumnado autónomo, así como cooperativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario