xoves, 27 de febreiro de 2020

Aprendizaxe e servizos comunitarios: o IES Miguel Catalán


               O IES Miguel Catalán, en Coslada, promove o que se coñece como  Aprendizaxe e servizos comunitarios. Trátase dunha experiencia educativa de aprendizaxe baseada en proxectos que transforman o contorno, e contan tamén coa participación doutros axentes externos, como son o concello ou diferentes organizacións.

               Dende o meu punto de vista, é interesante a conexión que o colexio establece co seu contorno. Nesta experiencia queda demostrada a necesidade de que a educación non só debe limitarse ao centro escolar, senón que debe desenvolverse noutras áreas da sociedade. É fundamental que o alumnado se decate de que non só se aprende na escola, senón tamén na interacción con outros colectivos.

               Das actividades que realizan, algunhas son de carácter interxeracional. O alumnado reúnese con persoas maiores e estas axúdanlles a cultivar unha horta, de maneira que o alumnado está adquirindo coñecementos ao mesmo tempo que presta un servicio comunitario. Outro exemplo é o servizo que desempeñan na biblioteca do hospital. Para isto foi fundamental o papel do Concello de Coslada, que foron os que puxeron en contacto ao alumnado co hospital.

               Ademais, dentro do centro promóvense os “círculos de convivencia”, compostos por 3 ou 4 alumnas/os que previamente foron elixidos e formados para a resolución de conflitos ou detectar casos de bullying.

               En definitiva, e tal e como profesorado do centro explica, conséguese que o alumnado se implique en temas sociais e de solidariedade, de maneira que se decatan de que están contribuíndo a transformar a sociedade, o que ten un gran beneficio, posto que se senten máis motivados, orgullosos e satisfeitos. Coido que é fundamental que o alumnado saiba convivir en sociedade, mais, se os centros educativos, que é onde maior tempo pasan durante -polo menos- 12 anos, non se implican, estes van ter menos oportunidades de tomar conciencia da importancia de axudarlle aos demais. Mais, o que tamén se consegue con este tipo de iniciativas é que o alumnado sexa consciente da realidade que o rodea, do que ten preto e de como as súas actuacións poden ser fundamentais para mellorar o seu contorno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario