Na actualidade asistimos
a unha sociedade tremendamente cambiante, o que implica que esteamos en
permanente proceso de adaptación tanto ás novidades que se nos presentan como
aos retos que se non propoñen. Isto ten especial relevancia no eido educativo,
pois o profesorado debe estar ao día de todos os cambios que se producen para
adaptar as súas prácticas pedagóxicas ao espazo temporal no que se moven.
Dende o meu punto de
vista, o profesorado innovador é aquel que é capaz de artellar un sistema de
aprendizaxe combinando diferentes recursos e métodos, adaptándoos ás
necesidades que esixa cada aula e ao contexto no que se desenvolven. A/O
docente debe ser capaz de reflexionar sobre as ferramentas, métodos, soportes e
enfoques que vai empregar. Se nos centramos no proceso de ensino-aprendizaxe de
linguas estranxeiras, como docentes temos o labor de desenvolver no alumnado as
destrezas de comprensión/expresión oral e escrita. Actualmente, o método polo
que se aposta é o comunicativo, xa que o propósito é que o alumnado sexa capaz
de defenderse con espontaneidade máis alá dos nosos lindes xeográficos. Porén,
nalgúns casos o enfoque comunicativo non se leva ás aulas, e noutros as
interaccións entre alumnado e profesorado resultan monótonas, dado que se
emprega sempre un mesmo patrón de ensino.
Para reverter estas
problemáticas, é necesario amenizar as aulas con actividades que que convertan
ao alumno nun suxeito activo, e mediante as cales se estimulen os seus
sentidos. Neste senso, paréceme interesante a introdución na aula da
ludificación e da gamificación, pois na clase pódense realizar actividades de
escritura creativa ou xogos de rol que resultan moi beneficiosos, xa que o
alumnado está aprendendo e ao mesmo tempo é capaz de desinhibirse dunha rutina.
Mais, cómpre que o profesorado sexa capaz de xestionar os seus recursos para
non caer na temida monotonía. Ademais dos recursos mencionados, o profesorado
debe ser capaz de traballar coas TIC, xa que -aínda que moitas/os se amosen
reticentes-, son as protagonistas da época actual, e como vimos nalgún modelo
educativo, estas poden chegar a desbancar o tradicional manual. As TIC poden
ser altamente produtivas nas aulas de linguas estranxeiras, pensemos por
exemplo no rendible que resulta que o alumnado se grave e acto seguido poida
escoitar a súa produción. Ademais, na rede dispoñemos de infinidade de
ferramentas útiles para a aprendizaxe de linguas estranxeiras, tales como
tradutores, dicionarios, programas de gravación,... Ata pode ser viable
utilizar de cando en vez as redes sociais, xa que estariamos usándoas cun dobre
propósito: por un lado o alumnado traballaría a lingua, por outro, e de maneira
transversal, concienciariamos ao alumnado dun uso responsable das ditas redes
sociais.
Porén, é evidente que
para levar a cabo todo isto é importante que o profesorado teña a vontade de
actualizar as súas prácticas pedagóxicas e amose o empeño necesario para levar
ás aulas novas propostas.
En definitiva, un profesorado
innovador debe ser capaz de romper coa rutina e avivar o alumnado con novas prácticas
pedagóxicas. Estas prácticas deben combinar unha serie de recursos, métodos
etc., porén, é importante que a través delas se cree un alumnado autónomo,
reflexivo e coa capacidade suficiente para tomar decisións. Deben ser, ademais,
prácticas que incentiven o espírito cooperativo, o compañeirismo e a
solidariedade entre os diferentes suxeitos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario